Rajoy podería fichar a Carles Puyol como ministro de Defensa

TERÍA QUE DEIXAR O FÚTBOL PERO SEGUIRÍA DEFENDENDO O CENTRO

Empezan a trascender as primeiras decisións do novo presidente do Goberno, Mariano Rajoy, na primeira xornada da súa sesión de investidura. Segundo confirmaron fontes do Partido Popular, Rajoy estaría pensando en Carles Puyol i Saforcada, actual xogador do Fútbol Club Barcelona, como ministro de Defensa. Aínda que súa experiencia en política é nula, hai poucos candidatos que superen súas aptitudes na posición de defensa central, habéndose enfrentado con notable éxito a decenas de equipos internacionais. A fichaxe, que o novo Executivo podería estar negociando nestes momentos coa directiva do Barça, responde á voluntade por parte de Mariano Rajoy de contar cun equipo de goberno tecnicamente preparado e en forma para afrontar un contexto adverso.

Os principais escollos da negociación son, por un lado, a incompatibilidade entre a política e o fútbol e, por outro, o posible choque ideolóxico. “Din que besou unha bandeira catalana no Bernabéu, pero xa se sabe que en plena euforia os futbolistas poden besar o que sexa, incluso prostitutas”, apunta un alto cargo do Partido Popular. Os rumores sitúan tamén ao dono do grupo Puig ao frente da carteira de Medio Ambiente “pola súa consolidada traxectoria no sector da perfumería”.

“Os futbolistas están acostumados a responder con feitos e non con palabras. E agora mesmo España non precisa a alguen que sepa articular frases subordinadas senón persoas que actúen”, insisten dende a sede de Xénova. Hai quen suxire a Rajoy que conte tamén con Josep Guardiola pola súa capacidade de liderado. “Insistimos en que non precisamos frases subordinadas”, responden os populares. Tampouco se quere abusar de fichaxes barcelonistas “porque hai outros grandes equipos na nosa liga que contan con xogadores tanto ou máis preparados que calquera de nosos políticos”.

En canto ao resto de carteiras ministeriais, sospéchase que a futura ministra de Exteriores podería ser unha reporteira do programa “Españoles por el mundo”. Tampouco se descarta a Jordi Rebellón liderando a política sanitaria nin a Esther Giralt, directora da revista “El Mueble”, ao frente do Ministerio de Vivenda.