Xesús terá o seu propio “Morning Show” na COPE

A COPE RENÓVASE “CON HUMOR E MOITO RITMO”

Xa é oficial: a COPE decidiu dar por concluida a etapa de “Así son las mañanas” da súa franxa matinal para substituír este espazo por “Levántate y anda”, un “Morning Show” que dirixirá o mesmo fillo de Deus e que pretende “levantar da cama a toda España para afrontar o día con bo humor”. Con este movemento, a cadea episcopal pretende abandoar a súa imaxe de información de rigor para afrontar a actualidade dende un punto de vista “máis tolo e desenfadado” cun programa despertador que ofrece “moita marcha, moito ritmo, moi bo humor e a mellor música nacional”, en palabras do propio Xesús.

“Estou moi feliz, e máis aínda tendo en conta os oíntes e o equipazo que teño. Imos divertirnos… Polo menos ata que nos despidan!” dixo entre risas na rolda de prensa na que se presentou o novo programa.

San Pedro abandoa o programa de chamadas de radiooíntes “La otra noche” para aterrizar xunto a Xesús e seu equipo. “Vou ter un espazo chamado ‘Leña al mono’ onde farei imitacións moi tolas, tanto de políticos como de todo o santoral”, explicou. Trala súa intervención, Xesús dixo “Ti eres Pedro e sobre esta pedra edificarei meu programa de radio e o poder da Morte non prevalecerá contra ela”. Logo estalou en risas, mostrando a química “e o bo rollo” que impera no equipo. “Só nos fallou Xudas, que no último momento non puido participar por problemas de axenda, pero están todos os apóstoles. Todos teñen algunha sección ou colaboran de algunha maneira”, di Xesús de Nazaret.

Unha das seccións máis orixinais do programa levaraa a cabo Pablo de Tarso. “Lerei epístolas descacharrantes escritas polos oíntes. ¡Esperamos moita participación! Eu serei o encargado de revisar o Facebook, o Twitter… Vamos a estar moi pendentes das redes sociais”, asegura. Dende a Conferencia Episcopal din estar moi orgullosos de ter ao fillo de Deus como parte do seu elenco de comunicadores: “Sobre todo tendo en conta que ‘Xesús e seus tolos apóstoles da risa’ levan tanto tempo buscando un proxecto novo no que colaborar. Vámoslle a dar total liberdade”.

Algunhas das seccións do programa, que os oíntes terán que coñecer por sí mesmos, son “Me negarás tres veces”, “El Dios vengativo”, “Los 40 principales días en el desierto”, “El sermón” e unha da que o equipo di estar moi, moi orgulloso: unha sección de bromas telefónicas nas que Xesús, facendo uso da súa omnipotencia, apareceráselle á víctima e dille cando vai morrer e de qué. “Logo o editamos e engadímoslle sons graciosos, é moi gamberro, moi punky e moi tronero, e así será todo o programa”.